novembro 16, 2017

O cancro silencioso

Con motivo do Día Mundial do Cancro de Páncreas, que se celebra hoxe, as organizacións internacionais contra esta doenza únense para concienciar e esixir un diagnóstico precoz, así como para demandar maior investimento económico e vontade investigadora por parte das institucións responsables e dos poderes políticos. Cada día diagnostícanse 1000 novos casos de cancro de páncreas no mundo. Estímase que 985 deses pacientes han morrer por mor da enfermidade, nada menos que o 98,5%!

O cancro de páncreas é tamén coñecido como o cancro silencioso, pola ausencia de síntomas significativos até estadíos moi avanzados, o que supón que moitas das persoas diagnosticadas non superan o ano tralo diagnóstico, sendo o índice de supervivencia a 5 anos de un escaso 3%. 

Precísase un maior investimento en investigación para poder entender mellor os mecanismos de expansión desta doenza, así como para o desenvolvemento de programas de detección precoz. En canto aos factores que inflúen neste tumor, ademáis da compoñente xenética ou a obesidade, a Asociación Española do Cancro de Páncreas sinala que alomenos un 25% dos pacientes de cancro de páncreas son ou foron fumadores durante moito tempo. 

Agora deixémonos de cifras e botemos unha ollada ao noso arredor: coñecemos persoas que padecen ou padeceron algún tipo de tumor? Seguro que a pregunta non é difícil de responder... Hoxe vai polos enfermos do cancro de páncreas, polos que pelexaron pero non puideron seguir con nós, polos que están facendo fronte agora mesmo ao peor dos prognósticos…  

Polos nosos seres queridos, polo noso futuro, é hora de cambiar as cousas.
Consideramos imprescindible unha maior taxa de supervivencia xa!

[Silvia Calvo Iglesias]

Para sabermos máis:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!