febreiro 16, 2015

O Entruido de Val de Francos

"O Carnaval é a segunda vida do pobo, baseada no principio da risa" (Mikhail Bakhtin)

Desde o ano 1992 as parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno, no concello de Castro de Rei, veñen celebrando o seu entruido de Val de Francos.

A cousa comeza o sábado de Entruido, cando se serven no campo da festa liscos, boliños preñados, pan e viño. Despois vén a música e finalmente o chocolate con churros, que pecha cada edición da chamada Festa do Torrezno Enxebre.
O martes de Entruido, arredor das catro e media da tarde, o Meco ou Entruido é traído ao campo da festa acompañado por un conxunto de máscaras e o grupo de gaitas Os Valuros. A seguir pronúnciase o famoso Sermón do Entruido, consistente en diversas estrofas que critican e satirizan todos aqueles asuntiños que nos contrariaron durante o ano, e non só os da vida cotiá detas parroquias senón tamén os da actualidade máis xeral. Despois do sermón, o secretario do xuiz, acompañado de dous empregados do xulgado, le a sentenza ao Entruido, na que é condenado sen remedio a ser queimado por culpable de toda canta cousa mala aconteceu no ano. Chega así o momento de que arda e de celebralo co sorteo de cestas e carretillas cheas de variedades gastronómicas deste tempo. Finalmente, a música pecha a tardiña e abre a esperanza dun ano vindeiro máis acaído e farturento.
 
Nesta edición, moitos dos que compoñen e integran a organización acudiron ao programa Luar da TVG (ver gravación a partir do minuto 02:01:00) para ofreceren alí unha pequena demostración das súas figuras, representacións e sermóns.

Para sabermos máis:
Achegas históricas ao Entroido de Val de Francos no séc. XX


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!