xaneiro 20, 2018

Chove pra que eu soñe

Se recoñeces o título deste artigo como o que é, un famoso haiku de Uxío Novoneyra, xa estás en condicións de te lanzares ao 1º Concurso de Haikus en galego do IES da Terra Chá. Con motivo da festa do amor, a Candeloria (2 de febreiro), data na que casan os paxariños, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, xuntamente co Departamento de Lingua Galega, veñen de convocalo.

Dirixido a todo o alumnado do centro, cada participante poderá concursar con todos os textos que desexe. Por parte dos convocantes requírese unicamente empregar con carácter obrigatorio a estrutura de haiku, así como facelo arredor do tema do amor, aínda que tamén se poderán tratar as temáticas alusivas á natureza tan propias desta forma poética.

A data final de entrega será o día 8 de febreiro, sempre en man e a calquera membro do profesorado de galego ou do ENDL; farase nun sobre pechado, dentro do que irán os datos persoais que identifiquen á persoa (curso, grupo, nome e apelidos), deixando para a parte de fóra do sobre somente un pseudónimo co que quen escriba se sinta recoñecido. 

Concederase un grande Primeiro Premio, sen prexuízo dos accésit que o xurado considerar. Non se admitirán, obviamente, propostas que incorran en insulto, falta de respecto a persoas ou colectivos, contidos sexistas, obscenos ou xenófobos.

Para sabermos máis:


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!