maio 07, 2017

I Certame Fitofaladoiro

Pois aquí temos xa convocado o maior encontro de traballos, investigacións e achegas sobre o Fitofaladoiro do IES da Terra Chá
Con base na idea de poñer en valor a riqueza do patrimonio natural e cultural da comarca chairega, así como a de aprender a identificar as especies, investigar sobre a súa morfoloxía, sobre o seu nome local e usos tradicionais, establécese este Certame coas seguintes bases: 
  • Haberá dúas categorías de participación:  1.Mellor contribución científica, con modalidade de grupo (máximo de 3 participantes) e 3 premios; e modalidade individual, tamén con 3 premios. 2.Mellor contribución artística (literaria, audiovisual, plástica, fotográfica...), tamén en modalidade de grupo e individual, con 3 premios cada unha.
  • Darase a posibilidade de recibir un premio por cada participante. Igualmente, se o xurado así o considera, poderá haber premios declarados desertos ou compartidos. 
  • Os agasallos confirmados polo momento son abundantes e diversos, sen descartar algunha que outra sorpresa. A Deputación de Lugo, o Arquivo Histórico Provincial, a Mesa pola Normalización Ligüística e a Compañía de Telefonía R colaboran nos premios.
  • O Certame está dirixido a todo o alumnado do IES da Terra Chá. Poderá inscribirse calquera que presente de forma individual polo menos unha achega sobre plantas autóctonas do entorno chairego.  
  • Ollo, non valen as cultivadas ou propias dos xardíns; tampouco poden ser: ortiga, toxo, xesta, silva ou dente de león. O material será sempre orixinal, e no caso de fotografías deberán empregar algún tipo de identificación ou referencia que certifique que o material non foi descargado de internet. Así pois, cada achega implica cubrir o formulario e, aínda mellor, gravar unha entrevista sobre a planta tal e como se ve no vídeo da canle de youtube fpbasica-iesterracha.
  • As achegas enviaranse ben por email a docenciafpbasica@gmail.com, ben presencialmente entregando o material aos titores ou profesorado implicado no Fitofaladoiro.
  • O xurado estará formado por un membro da dirección, a coordinadora do Fitofaladoiro e tres membros escollidos entre o profesorado implicado no proxecto.
  • Para a modalidade científica, o xurado valorará a relación coa temática, a orixinalidade e calidade, así como o número de achegas realizadas polo participante (individual ou grupal). Para a modalidade artística, valorarase tamén o grao de relación coa temática, o enxeño, a creatividade, a calidade técnica e/ou lingüística.
  • O prazo máximo para inscribirse e entregar os traballos será o xoves 25 de Maio.
Que ninguén se quede sen participar. E se precisades máis información, sempre é posible consultar a web do Fitofaladoiro desde o directorio deste blog. Tamén ver aquí entradas anteriores sobre o tema.
 
Alumnado de 1ºESO coa súa gorra de agasallo por ser participante do Fitofaladoiro


Alumnas de 4ºESO que achegaron material e facilitaron o nome galego das plantas

Alumnado de FP Básica, coorganizador de todo o proxecto Fitofaladoiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!