marzo 12, 2017

De youtubers e plantas

Ser unha ou un youtuber de suceso é agora moi doado! 
Youtubeir@s nace coa vontade de conseguir que haxa máis vídeos en galego na Rede. Para lograr este obxectivo xorde este concurso de vídeos que quere fomentar e incentivar a videocreación.
Pero o mellor é que Youtubeir@s ofrece tamén formación específica de videocreación para compartirmos saberes e aprender a nos comunicar coa linguaxe audiovisual.

Saca o youtubeir@ que levas dentro!
Trátase dunha iniciativa dos servizos de normalización ligüística das universidades galegas, así como de diversos concellos. A participación é de balde e poden concursar todas aquelas persoas maiores de 14 anos; cada unha pode facelo con tantos vídeos como queira. A duración máxima de cada videocreación son 5 minutos e a lingua de realización o galego. O prazo límite para inscribir os vídeos a concurso é o 28 de abril ás 00:00 horas.

Establécense dúas categorías para participar: 
vídeo-facermos >vídeo-titorial no que se mostrarán saberes e procesos de elaboración para que outra xente os poida aprender, unha receita, un truco de maxia, o uso dun programa informático, manualidades, e mesmo aproveitar aquí para introducir o proxecto Fitofaladoiro: por exemplo gravando unha entrevista a alguén que coñeza o nome, usos e propiedades dunha determinada planta, elaborando unha receita dela, preparado medicinal, uso como insecticida natural, etc.
vídeo-opinarmos >vídeo no que, de xeito argumentado, se expón unha opinión ou valoración arredor dun tema de interese. Por exemplo, sobre un libro, filme, serie, sobre temas de actualidade, moda, tendencias..., tamén aquí cabe aproveitar o proxecto Fitofaladoiro e conversar e opinar sobre o nome que reciben determinadas plantas en diferentes lugares, en distintas linguas, etc.

E na hora dos premios, atención, porque se establecen 1000€ por cada categoría das dúas que vimos de falar, e ademais haberá catro mencións honoríficas de 500€ cada unha!:
Enxeño e Creatividade, orixinalidade da peza a nivel visual, sonoro, de contido...
Eficiencia comunicativa do vídeo na transmisión do contido oral e visual, valorando as dotes interpretativas e o uso dos recursos propios da linguaxe audiovisual e a súa capacidade de incidencia no público.
Calidade técnica da peza, tanto a nivel visual como sonoro.
Calidade lingüística, valorando o uso coidado e correcto da lingua en todas as súas variantes dialectais (calidade fonética, léxica, sintáctica, etc.).

Isto e máis explicado aquí, e tamén na propia canle de youtube que abriu o proxecto, pero atendede ao seguinte vídeo e todo ficará clarísimo e ben exemplificado: 
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Que o blog estea vivo, depende de ti. Lembra: escribe ben, manteno limpo, mellórao coa túa aportación. Participa e fainos diferentes!
En Comentar como..., selecciona: "Nome/URL". Pon o teu nome, e deixa en branco o espazo de URL. Así todos saberemos quen somos!